domingo, 17 de setembro de 2017

17 de setembro de 2017 lembrando a Morales ante a súa tumba.


Así rematou o Simposio do Bicentenario de Antonio Fernández Morales, no cemiterio da Edrada ante a tumba de Morales. A clausura comezou cunha estrea musical por parte da Escola de gaita de Vilafranca interpretando a Muliñeira "O gaiteiro de Sorribas" composta para a ocasión pola agrupación. A continuación leu un fermoso texto Manuel González Prieto do Grupo As Médulas, no que realizou unha semblanza lírica de distintas pasaxes dos poemas dos Ensayos poéticos de Morales ata concluír nunha composición propia na que recollía a súa relación coa terra berciana. A seguir foi Ana Carballo , da sección de literatura do Instituto de Estudios Bercianos quen recitou un fragmento do poema A Santísima Virxe da Quinta Angustia que o autor dedica a Cacabelos. Finalmente tomou a palabra Anxo Angueira que recitou co seu entusiasmo habitual o comezo e o final dun dos poemas máis orixinais e extraordinarios doa Ensayos: A caza maior. A continuación recitou un poema que conmoveu a todo o público presente sobre o Liño de María, unha muller da terra de Iria que un día deulle a bagaña para sementar... o liño de Cambados, de Pontevedra ou do Bierzo que cantaron Pintos, Sarmiento e Morales. Coa interpretación da Marcha do Reino Antigo de Galiciapúxose fin ao acto no que quedou depositado sobre a tumba de Morales un centro floral co coñecido verso co que comezan o seu poemario: " No mesmo medio do xardín berciano...".

Unha boa crónica do acontecido no Simposio podémola atopar nos seguintes enlaces:

REAL ACADEMIA GALEGA

BIERZO TV

Inauguraci'on da Exposici'on Antonio Fern'andez Morales e o galego no Bierzo



PORTAL DA LINGUA da Secretaria Xeral de Politica Linguistica da Xunta de Galicia

Ponferrada




luns, 11 de setembro de 2017

SIMPOSIO DO BICENTENARIO


Onte presentouse simultaneamente en Ponferrada e na Coruña o Programa do Simposio do Bicentenario /XI Xornadas de Autor que sobre Antonio Fernández Morales terán lugar os días 15, 16 e 17 de setembro en Ponferrada, Vilafranca e Cacabelos. Trátase da unión de dous eventos que promoven as entidades bercianas da Comisión Cultural Martín Sarmiento e o Instituto de Estudios Bercianos e a Real Academia Galega.


Podes consultar os contidos que se difundiron onte a través dos medios nos seguintes enlaces:
ACADEMIA GALEGA
COMISIÓN CULTURAL MARTÍN SARMIENTO
INSTITUTO DE ESTUDIOS BERCIANOS

Incluímos a continuación unha pequena reportaxe fotográfica das respectivas roldas de prensa
Presentación do Simposio do Bicentenario/ XI Xornadas de Autor en Ponferrada.
Pola esquerda Marino Castro,  Antonio Puerto, concelleiro de Cacabelos, Mª Antonia Gancedo, concelleira de Ponferrada, Mar Palacio, presidenta do IEB, J. A. Balboa,, historiador e biógrafo de Morales, e Mª Luisa Blanco, representante do Concello de Vilafranca do Bierzo.
Presentación na sede da Real Academia na Coruña


Héctor Silveiro, coordinador do Simposio e a súa dereita
Valentín García, da SXPL da Xunta de Galicia. 
























Ana Carballo representante do IEB unha das entidades organizadoras.

O presidente do Consello Comarcal, Gerardo Álvarez, a súa dereita
J.M. Pereira, alcalde de Vilafranca do Bierzo.
O Presidente da Academia, Victor Freixanes, lendo uns versos de Morales no exemplar da 1ª edición dos Ensayos poéticos en dialecto berciano (1861) que conserva a Academia.

Pola esquerda, o secretario da RAG, Henrique Monteagudo; o académico correspondente e organizador do programa, Héctor M. Silveiro; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o presidente da Academia, Víctor F. Freixanes; o presidente do Consello Comarcal do Bierzo, Gerardo Álvarez Courel; o alcalde de Vilafranca do Bierzo, José Manuel Pereira Vega;a subdirectora xeral de Política Lingüística, Lurdes Batán; e Iván Alonso Rodríguez, vicepresidente do Consello Comarcal do Bierzo; e Ana Carballo, viceterouseira do Instituto de Estudios Bercianos e responsable da sección de lingua e literatura. Autor: RAG

luns, 4 de setembro de 2017

Un 4 de setembro escribía Morales a Cubí...


AS CARTAS AUTÓGRAFAS DE ANTONIO FERNÁNDEZ MORALES (I)

A primeira das cartas autógrafas de Antonio Fernández Morales que dirixe ao seu amigo Mariano Cubí e Soler, que aínda están inéditas, está escrita un 4 de setembro de 1847, hai 170 anos exactamente. Xa contan cun primeiro traballo de aproximación que acaba de ver a luz na Revista Bierzo. pero aínda queda a súa edición comentada que esperamos vexa a luz despois da celebración do Simposio do Bicentenario que terá lugar neste mesmo mes de setembro.

Polas primeiras liñas desta primeira carta que no bicentenario do autor lle arrebatamos con pracer  ao esquecemento, sabemos que non era a primeira que lle escribira Morales a Cubí, que este estaba en medio dun proceso polo que estivo en prisión varios meses na Coruña e que a relación entre eles prodúcese por afinidade ideolóxica precisamente a raíz desta causa aberta polo Tribunal Eclesiástico de Santiago de Compostela contra o frenólogo catalán.

O máis rechamante desta carta é que Morales adxunta unha copia da mesma traducida ao berciano e un poema dedicado ao seu bon amigo Mariano Cubí. Este poema con algunha diferenza aparecerá anos máis tarde publicado entre os seus Ensayos poéticos en dialecto berciano. Confirmanos así que Antonio facía uso xa no ano 1847 do subdialecto do galego que se fala no Bierzo e que o motivo inicial que lle provoca a escribir na lingua das xentes humildes da comarca é unha petición de Cubí nunha das cartas inmediatemente anterior á que tal día como hoxe redactaba Morales en Vilafranca do Bierzo, o seu lugar de residencia daquela. Cubí escribíralle dúas misivas a finais de agosto (29 e 31) onde con toda probabilidade solicitaba do noso capitán de infantería que lle respondese facendo uso do dialecto dos bercianos. (Continuará)

mércores, 16 de agosto de 2017

Tal día como onte 15 de agosto...

Tal día como onte 15 de agosto, pero de hai 121 anos (1896) morría en Cacabelos, no que el consideraba o seu país por criarse nel desde nino, Antonio Fernández Morales ao que todo o Bierzo e Galicia enteira debería coñecer non como Comandante de Infantería, que o foi como se acredita na portada do  libro que o fai autor dun dos primeiras obras do Rexurdimento, formando parte dos primeiros autores dos precursores deste movemento literario. O autor que nacera en Astorga en 1817 está no seu bicentenario, pero segue sendo un gran descoñecido ( e isto non é un tópico). Cremos que o seu bicentenario debe ser a ocasión para facer da súa figura un persoeiro popular e coñecido polo menos para bercianos e galegos porque é digno representante deste intento do XIX por recuperar para a escrita o galego facéndoo a través da fala das distintas comarcas ende se usaba. Así o fixo Pintos en Pontevedra como o faría Morales no Bierzo, así logo o fixeron Rosalía en Padrón, Pondal en Bergantiños ou Curros en Ourense. Todos eles coinciden na valoración do dialecto das súas bisbarras facendo uso á vez dun léxico substancioso e un cadro de costumes acordes cos versos ao estilo popular seguindo un estilo que segundo parece fora iniciado por outro persoeiro nado no Bierzo, pero profundamente apegado a Pontevedra, Martín Sarmiento.

Lembramos deste modo, nun ano tan singular, o día do seu enterro en Cacabelos nunha tarde de calor dun 16 de agosto de 1896

sábado, 15 de xullo de 2017


DOS CANTORES DO BIERZO DO XIX E DO ECO NOS SEUS BICENTENARIOS

Na vida cultural e literaria do Bierzo hai algo que aínda segue sen normalizarse, unha asignatura pendente  por parte das administraciois e, como consecuencia, unha carencia enorme da cidadanía. Como todo berciano/a deberíamos saber que hoxe 15 de xullo Enrique Gil cumpriría 202 anos ou polo menos  estar ao tanto de que estamos no ano no que o cantor da nosa comarca en galego, que el denominou dialecto berciano, está de bicentenario. Fagamos unha proba do algodón para comprobar a ausencia desa normalidade que reclamamos.
É unha lamentable torpeza  que a Fiesta da poesía se siga celebrando en Vilafranca só uns días antes da data do nacemento nesta vila do maior poeta, crítico teatral e novelista  dos que naceron nela en lugar de facela coincidir co aniversario de Gil.  Aqueles ínclitos  fundadores desta longa tradición de eventos líricos denominados Fiesta de la poesía na Compostela berciana, pouco tiveron presente ao fillo máis destacado das letras vilafranquinas e bercianas. Tampouco hoxe na súa vila natal, nin na máis poboada Ponferrada, menos aínda en Bembibre, nin o Consello Comarcal, ninguén vai lembrar ao autor romántico da comarca máis destacado no día do seu aniversario, ese que hai tan só dous anos tal día como hoxe celebraba o seu bicentenario por todo o alto. Tal vez nas redes  a Biblioteca que leva o seu nome ou en Facebook exista unha fugaz referencia a este día.   
 Non nos estrañe. Tampouco este ano 2017 os políticos e concelleiros de cultura de turno se teñen preocupado en difundir  adecuadamente  a outro dos nosos grandes escritores.  A saúde cultural e literaria dos bercianos , non é excelente, nin tan sequera boa. Os que deben administrar aos seus concidadáns  coidadas doses cargadas de vitaminas das letras  e, ao longo do ano, unha información suficiente para combater a grave enfermidade do esquezo patrimonial que sufrimos non están a facer os seus deberes.  Ou non é verdade que un autor como Antonio Fernández Morales segue sendo un auténtico descoñecido para a gran maioría dos habitantes da bisbarra no ano do seu bicentenario?
No tan cacareado Bierzo turístico que se vende polo Camiño de Santiago adiante, en vallas publicitarias en prensa, radio e televisión non se fan eco  nin de Enrique Gil, que está hoxe de aniversario,  nin de Morales. Menuda defensa do patrimonio literario,  que falta de estratexia publicitaria elemental.  Acaso teñen unha entrada permanente, por humilde que sexa, que lles faga xustiza, que honre a memoria coa dignidade debida a estes dous autores na páxina oficial do noso Consello Comarcal ou en calquera dos municipios Cacabelos, Vilafranca, Ponferrada ou Bembibre?  Nada de nada, poden comprobalo. E non é cuestión de cartos, colgar uns versos, unha breve biografía e un par de fotografías non ten custe algún para as arcas públicas tan cobizadas. É a carencia ou precariedade cultural  nas que nos tocou vivir.
Ninguén se fai eco hoxe en castelán de Enrique Gil,  ben ante a súa tumba recentemente estreada  aos  pés dos restos dos verdadeiros Condes de Lemos, ben en Cornatel ou no castelo templario orgullo de Ponferrada ou nin tan sequera no teatro do que foi fundador e que desde hai dous anos leva o seu nome na súa vila natal. Algo tan triste e desolador como a melancólica vida dos seus senlleiros personaxes D. Álvaro e Dona Beatriz. O máis importante novelista do romanticismo español que incorporou no século XIX  a súa terra, o Bierzo, á república universal das letras no idioma de Cervantes. Hoxe non se celebrará nin un pobre acto oficial que o lembre na súa terra.  Pero ese poeta, iso si e a pesar de todo, tivo a sorte de teren ao longo do século XX, brillantes seguidores do seu ronsel: Carnicer, Pereira, Mestre...    
 Tampouco nos estraña que nestes tempos orfos de cultura,  Antonio Fernández Morales que de sempre estivo  nun terreo abisedo , á sombra de Enrique Gil estea un ano máis , precisamente no do seu bicentenario, moi afastado da gloria merecida, esa que lle tocaría estar disfruitando pola ousadía de facer literatura culta coa fala popular das xentes humildes da nosa terra, usando a paisaxe natural e humana  do Bierzo, a flora e a fauna, os produtos e costumes que nos procuran identidade desde hai séculos. Non hai mellor cantor do Bierzo labrego tradicional.   O reto que nos legou é tan grande como o baleiro que existe entre os autores bercianos/as do século XX para manter viva esoutra literatura berciana en galego que dalgún xeito inaugurara Sarmiento e que no XX tamén presenta cultivadores, menos coñecidos, claro está, como González –Alegre ou Aquilino Poncelas.
Estamos reclamando ás autoridades no Bierzo espazo para Morales e a literatura en galego no seu bicentenario, quixeramos que como foi un revulsivo para a difusión de Enrique Gil o ano 2015, este 2017 acabe sendo un antes e un despois para a divulgación do autor dos Ensayos Poéticos en dialecto berciano. Acabamos de realizar polo impulso da sociedade civil un importante evento o pasado 17 de xuño en Cacabelos , estamos preparando para o mes de setembro actos en Ponferrada, Vilafranca e Cacabelos que esperemos contribúan convenientemente  a esta meta de facer máis visible e cultivar o patrimonio das letras no Bierzo.
O eco lángido de Gil e de Morales, aínda así segue vivo. Sirvan estas palabras para lembrar o reto que supón  para todos administradores e administrados a súa plena incorporación á vida cultural normalizada do Bierzo. Fagamos os nosos deberes, a pesar de que se nos pase por alto algunha data de aniversario como a de hoxe.  


Héctor Silveiro Fernández, académico correspondente polo Bierzo na Academia Galega.

domingo, 25 de xuño de 2017

CARNICER E O RESCATE DE ANTONIO FERNÁNDEZ MORALES


Ramón Carnicer, un vilafranquino e berciano, foi un dos primeiros en redescubrir a figura Antonio Fernández Morales, autor do que no 2017 se cumpre o seu bicentenario. Fíxoo indirectamente ao traballar sobre a figura de Mariano Cubí y Soler na súa obra  Entre la ciencia y la magia. Mariano Cubí. publicado en 1969.

Tras un longo silencio, como o que acompañou ata hai ben pouco tempo ao cantor do Bierzo en galego, sería de novo un berciano nesta ocasión de Cacabelos, J. A. Balboa de Paz quen incorpora a Antonio Fernández Morales ao elenco de escritores decimonónicos no seu interesante traballo "Liberales y progresistas en la literatura berciana del XIX" (1996).

 A partir dese momento bercianos e galegos serían quen de reivindicar ao autor e a ubicación digna entre os autores da literatura contemporánea do Rexurdimento galego antes de Rosalía de Castro e pouco despois do precursor X.M. Pintos, seguindo a estela do erudito galego e berciano Martín Sarmiento e o seu "Coloquio das 1200 coplas galegas" .


No seu libro sobre Cubí, Carnicer introduciu un capítulo máis literario que veraz no que describe o encontro entre o frenólogo amigo dos dialectos e o propio Antonio no Hotel Comercio en 1847. Foi a súa singular, inaugural e brillante homenaxe ao autor dos Ensayos Poéticos en dialecto berciano e o primeiro precedente dos estudos, eventos e celebraciois que se veñen realizando nos últimos anos. Feliz intuición a de Ramón Carnicer neste rescate e consecuencia lóxica do seu compromiso sempre atento a enriquecer coas súas semblanzas o legado das distintas personalidades da cultura berciana ao longo dos tempos.

No capítulo número 12 do libro de Carnicer, como confesa o mesmo autor ( cremos que con máis retranca que rigor) foi produto da consulta dunha única fonte bibliográficaQUINDóS, Fermín: Memorias (manuscrito inédito en poder del autor).  Carnicer faise eco tamén das palabras do propio Cubí na introdución ao libro que “enfáticamente, hace constar que acaso el berciano habría nacido, vivido y muerto como individualidad idiomológica sin tener ningún monumento escrito, a no haber él incitado Fernández Morales a escribir sus ensayos poéticos”.

Morales no Prólogo da súa obra editada en 1861 e escrito en castelán deixou dito ao respecto: 
“ Tampoco hubiera llevado a cabo la composición de los que ahora me hacen quebrantar aquel propósito, si para ello no hubiera sido vivamente estimulado por mi excelente amigo, el eminente frenólogo y filólogo D. Mariano Cubí y Soler, cuando en años ya remotos tuve la inapreciable satisfación de conocerle. Las reiteradas, honoríficas deferencias de marcada estimación y cordial afecto con que me ha distinguido siempre y mi tan vivo como justo deseo de complacerle, sirvanme ahora de escusa siquiera para abordar unha empresa que, si bien quizá sencilla y facilmente accesible a las ricas dotes y admirables facultades intelectuales de cualquiera de nuestros distinguidos poetas contemporáneos, ha dado en mis manos el pálido resultado ya previsto, corroborando en el terreno de la práctica mis previas desconfianzas y fundados temores.” 


domingo, 18 de xuño de 2017

Un 17 de xuño en Cacabelos con Fernández Morales


O día de onte, 17 de xuño de 2017, foi un día completo na reivindicación do noso autor, no proceso de difusión, recoñecemento e asentamento entre propios e estraños. Ademais se auguran novas achegas a Antonio Fernández Morales como consecuencia da celebración do seu Bicentenario.





Cacabelos foi o lugar, ao pé da casa propiedade, no seu día, do escritor. A presentación dun libro moi especial no que ademais dalgúns dos seus poemas,  versos inspirados nos seus poemas e outras creaciois comparten espazo a iniciativa do Grupo As Médulas para a lingua e a cultura galegas do
Bierzo baixo a coordinación dilixente de Manuel González Prieto. Un fermoso agasallo para este bicentenario que veu acompañado dun labor de recompilación previo que vai  dende ilustradores como Siro López a fotógrafos como Xurxo Lobato, pasando por poetas, pintores ou  músicos configurando unha fermosa exposición feraz, rica tan acorde coa valente contribución de Antonio Fernández Morales do ano 1861.
A seguir colocamos o seu índice:



Este espírito de tributo colectivo foi tamén o que se respirou no evento que comezaba pasadas as 11,30 na praza onde se atopa, como xa se dixo, a casa onde morreu Antonio Fernández Morales un 15 de agosto de 1890.  Manuel González Prieto, como coordinador do acto foi dano paso a recitados de ninos e mozos, de homes e mulleres que representan a sociedade berciana receptora do canto máis singular a esta terra. Logo as palabras de Ferrín, un dos máis firmes defensores no mundo da cultura galega da incorporación plena de Morales á Literatura galega contemporánea, como figura senlleira do seu Rexurdimento no século XIX, como pioneiro precursor deste movemento que comparte con autores como X. M. Pintos ou a propia Rosalía de Castro. Ferrín destacou na figura os seus aspectos máis singulares ao configurar nos Ensaios en dialecto berciano unha obra complexa en canto as temáticas que van dende poemas de corte ascético ata realismo, pasando polos tópicos do romantismo, unha obra digna de ter en conta, pero que, lembrou, estivo e está aínda marxinada pola crítica, tamén a galega, algo que comeza a cambiar nestes últimos anos nos que xa hai estudos como o de Xosé Ramón Pena que incorporan de feito a figura de Morales.


Tamén  falou Valentín  García, Secreatario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, organismo que subvencionou a edición do libriño cuxa presentación nos reunía. Destacou a importancia deste tipo de obras para a reivindicación da lingua en ámbitos como o da educación, de como o Programade Promoción do Galego sumaría un centro máis na nosa comarca no curso que vén e  reiterou o apoio a iniciativas que, como a presente, contribúan a darlle unha longa vida ao galego no Bierzo.



A música tamén estivo presente.  2 na Fronteira ( a magnífica voz de Carme Penim e de Maurizio Polsinelli, aos  teclados)  interpretaron  tres temas moi evocadores con letra tirada dos poemas dos Ensaios, un, o da Vilafranca e a vendima,  ao comezo  e outros dous, o dos versos dedicados a Cacabelos e o da Volta da Sega, ao final para pechar esta primeira parte.


A segunda parte desenvolveuse nun dos salois do restaurante  La Moncloa. Eilí estaban todos os orixinais dos traballos de creación incluídos  no libro, e tamén ailí houbo unhas breves palabras do coordinador do acto, Manuel Gonzalez acerca do libro e para logo lembrar alguis aspectos sobre Morales. Henrique Costas, profesor da Universidade de Vigo e académico correspondente falou,e netre outras cousas da descuberta do rostro de Morales no ano 2011. Héctor Silveiro en calidade de académico correspondente anunciou a intención da Academia Galega de coorganizar o Simposio sobre Morales xunto coas entidades bercianas coa idea de incorporar novos datos tanto á biografía como aos estudos sobre a dimensión literaria e lingüística da obra de Morales, novidades que se van perfilando ao anunciar que se atoparon cartas autógrafas do autor do ano 47, o momento no que comezaba a escribir en galego con motivo da xestación dos seusEnsayos poéticos en dialecto berciano.   Pechou esta segunda parte da homenaxe o profesor da Universidade de Vigo e Presidente da Fundación Rosalía, que  fixo fincapé na relevancia e singularidade da obra en galego de Morales, antes de pasar a recitar con gran efusión o comezo e final do poema A caza maior.




























Ecos na prensa:
 voz de Galicia
diario de león
sermos galiza
nueva crónica
Tamén columna de opinión no Diario de León

Unha crónica en Prolingua.