luns, 5 de decembro de 2011

Xa está á venda o DVD coas Cántigas bercianas


Xa está á venda o DVD coa gravación en directo do concerto que estreaba as Cántigas bercianas sobre textos de Fernández Morales dedicados a Vilafranca, Cacabelos e Ponferrada e interpretada por un conxunto de músicos bercianos en concreta a Banda de Música Cidade de Ponferrada e a Unión de Coros Bercianos. Este evento, foi organizado pola Escola Fermín Penzol coa colaboración da Xunta de Galicia e a Universidade de Vigo. A música creada polo prestixioso director Miguel Enrique de Tena Peris que dirixiu aos músicos antes citados o pasado 7 e 8 de outubro no Teatro Bergidum da capital berciana e que tivo unha espléndida acollida.

domingo, 9 de outubro de 2011

Crónica da 6ª Escola Permanente Fermín Penzol

O pasado día 7 de outubro, nos locais do Museo Arqueolóxico de Cacabelos, deu comezo a 6ª Escola Permanente Fermín Penzol en homenaxe a Antonio Fernández Morales ao cumprirse 150 anos da publicación da súa maxistral obra: "Ensaios poéticos en dialecto berciano".




Ao non poder asistir o actual presidente da Academia Galega, como se tiña anunciado, Francisco Fernández Rei, en calidade de vicesecretario da mesma, acompañado do Alcalde de Cacabelos e de Paulo Carral Pedreira, representante do Vicerreitorado da Universidade de Vigo, como entidade organizadora, procederon a inauguración da 6ª Escola Fermín Penzol.





A continuación o representante da Academia leu unhas palabras no nome de Méndez Ferrín que se centraron especialmente na figura de Ramón González Alegre. A Presidenta do Instituto de Estudios Bercianos, Mar Palacio, encargada de presentar ao Académico, anunciou que a institución que ela preside está preparando unhas xornadas acerca deste autor vilafranquino para o ano 2013.




Interviñeron de novo un representante da Universidade de Vigo para presentar, acto seguido a Xosé Luis Regueira quen de forma conxunta con Francisco Fernández Rei presentaron a publicación do último número da publicación da Academia titulada Cadernos da Lingua: O galego do Eo-Navia, Bierzo Occidental, As Portelas e Calabor e o Val do Ellas. un traballo de Xosé Herrique Costas, que por motivos de saúde non puído estar presente nesta 6ª edición da Escola, nesta homenaxe pola que tanto viña traballando ao longo destes últimos meses e que todas as intervenciois tiveron presente con cariñosas palabras cara a súa persoa e o seu labor constante.





Nesta primeira xornada, como estaba programado, procedeuse a descubrir unha placa conmemorativa dos 150 anos da publicación dos "Ensaios" na casa de Cacabelos na que morreu o poeta homenaxeado Antonio Fernández Morales, na vila na que se criara dende moi novo e na que tamén repousan os seus restos mortais.







Pola tarde, tamén en Cacabelos José Antonio Balboa e logo Francisco Fernández Rei foron os ponentes que falaron respectivamente da biografía de Morales e o Bierzo no que vivía, sacando á luz algunhas novidades referidas á residencia en Vilafranca do Bierzo tanto do pai do autor Tomás Fernández como do propio Antonio Fernández Morales nos anos 40 do século XIX, unha etapa na que se vai dar o contacto con Mariano Cubí na vila do Burbia un dos instigadores do traballo lingüístico de Morales, como é sabido. Tamén fixo un repaso sobre os valores do liberalismo do XIX nos que se criou o poeta e a súa plasmación na súa traxectoria vital. Logo o actual vicesecretario da Academia galega fixo un relatorio moi ameno sobre O galego do Bierzo e o galego estándar, puntualizando as poucas diferenzas que exeiten entre as diversas varaintes dialectais do galego e de como o galego común ou estándar é un galego de todos e de ningún sitio á vez, que fai uso tanto de fórmulas habituais no occidente de Galicia como palabras ou caracterizaciois morfolóxicas máis próximas ou incluso exclusivas do galego que se fala nos Ancares e no Bierzo. Palabras por exemplo como xabarín, algunha das denominaciois dos días da semana ou os plurais en -ais para palabras rematadas en -l son hoxe do galego común, cando viñan sendo exclusivas destas zonas antes da aprobación da norma escrita para o galego.






Os participantes da Escola Fermín Penzol, desprazáronse de seguido ao Teatro Bergidum de Ponferrada para asistir á estrea das "Cántigas Bercianas" unha composición para Banda e Coro, realizada polo compositor valenciano Enrique de Tena que utiliza os versos de Morales aos que se pon música. Unha obra en tre stempos dedicados a Vilafranca, Ponferrada e Cacabelos.




En Bierzo TV podedes ver imaxes da estrea e escoitar moi breves fragmentos da mesma, nun acto que encheu o teatro dous días consecutivos. A actuación foi gravada pola Radio Galega e xa se están pensando varias presentaciois da mesma obra en distintas vilas bercianas que logrou aunar a distintas entidades como a Banda municipal de Ponferrada ou os Coros En femenino Plural, Voces del Bierzo ou a Coral Polífónica Bembibrense.









A segunda xornada da Escola tamén presentou outra gran ausencia, a do escritor e gran estudoso da obra de Morales Anxo Angueira, ademais dun magnífico recitador dos poemas de Fernández Morales. Pero foi lido polo poeta da Limia Xabier Xil Xardón un texto que remitíu o propio Angueira, un fermoso e interesante aporte ás xornadas sobre a conexión de Morales con Galicia, con Sarmiento e a súa obra do Coloquio dos 24 galegos rústicos. Caracterizou a Morales como un autor con claras semellanzas co que facían Pintos ou Añón, mesmo con Rosalía e outros autores do Rexurdimento galego pleno, ao cal desde o Bierzo, cunha gran riqueza léxica,debe ser referente senlleiro.







Logo veu a quenda do maxistrado Luis Villares que avgou poal defensa do galego do Bierzo, procurando describir a situacion legal na que se atopa o galego na comarca e como lei como a Carta da linguas minorizadas de Europa teñen moito que dicir sobre o presente e o futuro da lingua no Bierzo.



A sesión da mañá rematou coa presentación do nº 5 da revista Xarmenta.





A continuación José Mª San Román abordou a ponencia que no nome da asociación "A Morteira" dedicou á paisaxe natural e cultural na obra de Morales e que levaba por título: "Salmois, osos, e barburetas" establecendo un contraste da situación descrita polo autor berciano co presente.




A derradeira ponencia foi a de Héctor M. Silveiro sobre Morales e o rexurdimento do galego nas escolas do Bierzo. Trátouse da elaboración dun Caderno de propostas didácticas sobre a obra de Morales que a Asociación escola deGaitas e a Comisión Cultural Sarmiento están rematando para as escolas e institutos do Bierzo, para o que contan coa colaboración do propio profesorado que está impartindo clases de galego nos centros da comarca. A modo de conclusión e antes da clausura falou tamén das marabillosas sorpresas que este evento trouxo, a descuberta do rostro de Morales grazas aos aportes de Quique Costas e Balboa, así como as novas informaciois que temos acerca da biografía e da obra do autor que grazas ao taballo do historiador berciano Balboa de Paz e do escritor Anxo Angueira permniten coñecer mellor a traxectoria vital e as fontes literarias das que bebeu Morales. Precisamente relacionado coa vida do autor nos anos 40 do século XIX en Vilafranca´, Héctor Silveiro desvelou que en 1843 Morales figura como socio do teatro desta vila entre outros personaxes da época como Enrique Gil y Carrasco ou Isidoro Ovalle. tamén se fixo referencia de novo as grandes ausencias desta edición da Fermín Penzol, a do seu principal promotor, Quique Costas, a do escritor Anxo Angueira quen de xeito inigualable é quen de poñer voz emocionada aos versos de Morales, e en terceiro lugar botouse en falta a realización dalgún dos actos en Vilafranca como viña sendo habitual en anteriores ediciois.




Procedeuse pois á Clausura da sesión de ponencias coa spalabras dun representante do Concello de Ponferrada e dunha representación dos organizadores, Paulo Cabral acompañado neste caso de Ricardo López Témez e de Paco Fernández Rei.



Finalmente desprazáronse de novo ao Teatro Bergidum os asistentes para escoitar de novo as "Cántigas bercianas" cunha afluencia de público maior que a do día anterior, enchendo o teatro. Segundo anunciaron os organizadores a gravación desta peza pretende editarse para difundila posteriormente.


Na xornada do domingo como tamén se viña anunciado tivo lugar no cemiterio da Edrada de Cacabelos un emotivo acto a carón da tumba de Antonio Fernández Morales onde houbo palabras de lembranza da súa figura por parte de Héctor Silveiro, lectura de versos do poeta que leu Paulo Cabral dedicados a Cacabelos, tamén houbo palabras doutros poetas, neste caso dun poeta xoven da Limia, Xabier Xil Xardón, que puxo voz ao fermoso poema de Celso Emilio "Deitado fronte ao mar" nunha emotiva adaptación para a ocasión na que a lingua proletaria afirmouse no amor dos devanceiros que temos mortos e falou non pra os soberbios ou poderosos, chorou un pranto cotidián de barburetas ao pé da tumba dun cantor desa patria que constrúe e dá corpo a lingua dos Ensaios poéticos en dialecto berciano. A Marcha do Antigo reino de Galicia interpretada polas Escola de gaitas de Vilafranca e unhas palabras do Alcalde de Cacabelos formaron tamén parte desta humilde ofrenda que rematou coa colocación de flores e versos sobre a lápida do brigadier berciano.











O derradeiro acto que se realizou foi o xa tradicional Banquete de Cacabelos nun coñecido restaurante da vila onde non faltou o botelo a pesra de non ser esta a época máis acaida para comelo.

domingo, 25 de setembro de 2011

O CONGRESO DE MORALES Á PORTA



Este é o programa desta Homenaxe a Fernández Morales, 150 anos despois da ´publicación do seu libro "Ensayos poéticos en dialecto berciano":






Como podedes comprobar o primeiro dos logros deste evento é, sen dúbida, a aparición dunha fotografía que retrata a Morales aproximadamente na época na que estaba preparando a edición do seu libro.

mércores, 18 de maio de 2011

CADERNO DIDÁCTICO SOBRE MORALES


PRESENTACIÓN DO CADERNO DE TRABALLO: O REXURDIMENTO DO GALEGO NO BIERZO

HOMENAXE AO POETA BERCIANO
A Asociación Cultural Escola de Gaitas e a Comisión Cultural Martín Sarmiento queren dedicarlle ao poeta Antonio Fernández Morales este caderno de traballo de materiais didácticos co interese de difundir os seus escritos e render unha homenaxe ao autor dun libro moi singular e significativo publicado no ano 1861, un canto á terra do Bierzo, aos seus homes e mulleres, as súas xentes humildes.

POEMAS EN DIALECTO BERCIANO, SUBDIALECTO DO GALEGO
Morales pretende captar nos seus escritos a esencia da identidade do ser berciano que el asocia dun xeito brillante á súa fala. O propio autor vaino recoñecer así no prólogo do seu libro que titulou: “Ensayos poéticos en dialecto berciano” “…el dialecto que es la forma de expresarse corriente y en uso en las comarcas montañosas, es cierto que no está en ejercicio entre la clase culta de la sociedad berciana, quedando relegado al exclusivo dominio de las masas; pero eso no quiere decir que dejase de estar asaz generalizado en remotos tiempos, ni que haya razón para desdeñar un dialecto tan rico en voces de expresivo sentido… si bien el berciano es un subdialecto gallego, se castellaniza á medida que los pueblos del país de que me ocupo se van acercando á Castilla, ó se galleguiza completamente según que sus opuestos confines van tocando los de Galicia.”

O REXURDIMENTO DO GALEGO NO BIERZO
A idea de editar un libro dedicado á terra para dignificar a fala da xente común, foi unha constante en diversas literaturas de idiomas sen normalizar na Europa do século XIX. En Galicia o ilustrado galego berciano Martín Sarmiento adiantárase en máis de 100 anos publicando as súas “1200 Coplas ou o Coloquio de vinte catro galegos rústicos ”. Podemos consideralo así o primeiro precursor dun movemento que nace realmente para os críticos cando Rosalía de Castro publica en 1863 “Cantares gallegos”. Pero o certo é que poetas como Fernández Morales poden e deben ser, especialmente para os bercianos, o punto de partida desta reivindicación lingüística e cultural que se coñece como Rexurdimento, porque o idioma galego vaise dotar a partir desta época de textos escritos por autores cultos, despois de pasar un longo período de varios séculos (chamados Séculos Escuros) nos que a lingua subsistira tan só por tradición oral. Este feito tampouco o pasou por alto o noso poeta que recorda o uso normalizado de falas como o galego na Idade Media.
150 anos“Ensayos poéticos en dialecto berciano” 1861-2011
En 1861 publicábanse os “Ensayos poéticos en dialecto berciano”, antes que Rosalía edite os seus “Cantares Gallegos” (un 17 de maio do 1863) e sendo o libro de Antonio Fernández Morales todo un referente para o chamado Rexurdimento da literatura en galego é un feito pouco recoñecido ata o de agora por un Bierzo reprimido culturalmente e unha Galicia inconsciente. Este é o principal motivo polo cal no transcurso do presente ano 2011 no que se cumpren os 150 da publicación, o autor vai ser motivo de varias actividades dirixidas a prestixiar e divulgar a súa obra.
Este ano coincidindo coa celebración do Día das Letras como outros anos se lle renderán diversos homenaxes nos colexios e institutos bercianos que dende hai 9 anos veñen impartindo galego como materia optativa grazas a un programa acordado coas administracións educativas das Comunidades Autónomas de Castela e León e de Galicia e que permite que máis de 1000 familias bercianas hoxe coñezan mellor o idioma dos seus avós e no que Morales escribía.
Precisamente a Escola de Gaitas e a Comisión Cultural Martín Sarmiento elaboran este caderno para que os centros de ensino conten con materiais válidos para a divulgación desta obra clave para entender mellor o noso patrimonio cultural e lingüístico. Está pensado como un estudo comparativo de Fernández Morales con outros autores do Rexurdimento galego, propoñendo diversas actividades.Este traballo didáctico foi elaborado por Héctor m. Silveiro Fdez e conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística dependente da Consellaría de Educación da Xunta de Galicia.

luns, 16 de maio de 2011

O BIERZO E AS LETRAS GALEGAS 2011



O BIERZO E AS LETRAS GALEGAS 2011

Non quixera deixar pasar esta data do 17 de maio, Día das Letras Galegas, sen comentar brevemente que o Bierzo, na persoa do editor Paco Macías, está intimamente implicado na homenaxe que se lle outorga a Lois Pereiro, este xenial e transgresor poeta monfortino.
É verdade que este ano 2011 no Bierzo nos gustaría ter celebrado o Día das Letras Galegas en Cacabelos, a patria de Antonio Fernández Morales, porque é o ano no que se cumpren os 150 anos da publicación do libro que marca para os bercianos ineludiblemente o comezo do Rexurdimento do galego no Bierzo. Os “Ensayos poéticos en dialecto berciano”(1861), cos seus 8000 magníficos versos na fala da comarca, constitúen unha obra clave para entender este momento crucial da literatura en galego do século XIX, á par de libros tan coñecidos como os “Cantares Gallegos” de Rosalía de Castro que se publica dous anos despois do de Morales. Daquela Amancio Prada, Juan Carlos Mestre, César Gavela, Valentín Carrera, Carmen Busmaior, Mar Palacios, J. A. Balboa entre outras coñecidas persoas da cultura nas que figuraba o noso Paco Macías, reclamamos formalmente desde o Bierzo e ante a Academia Galega esta celebración, pero terá que esperar. O escollido foi o monfortino Lois Pereiro, un poeta que morreu moi novo, no ano 1996, con trinta e poucos anos de vida, considerado poeta da xeración dos 80, década na que comeza a publicar os seus primeiros poemarios, ademais dun bo tradutor, ensaísta e cun gran compromiso coa lingua.
E é aquí, na edición dos libros de Lois Pereiro, onde o Bierzo dalgún xeito está directamente neste ano relacionado con esta data tan sinalada para a Literatura de Galicia. Deben saber que o editor en vida das obras de Lois Pereiro foi, case que exclusivamente, o emprendedor e audaz berciano Paco Macías, que fundou, e dirixe con acerto desde aqueles anos, Edicións POSITIVAS, unha editorial que se caracteriza por difundir creacións tan singulares como os “Poemas últimos de amor e enfermidade”1992-1995 ou unha das obras clave para comprender o mundo poético do autor que se homenaxea este 17 de maio.




Paco Macías naceu no Lago de Carucedo, ese lugar tan emblemático para o Bierzo, e reside habitualmente en Santiago. É filólogo e tradutor, ademais de editor recoñecido e innovador. En Edicións Positivas, entre as súas numerosas publicacións, hai varios títulos de autores bercianos como “As murallas de Berxida” de Fernando Cerezales ou de temática berciana como a “Escolma de poesía berciana en lingua galega “1860-1960)” porque Paco Macías é un berciano de cultura galega, idioma que mamou dos seus pais, comprometido e entusiasta militante da lingua ao igual que seu amigo persoal, Lois Pereiro, do que, obviamente, foi un privilexiado confidente.





Héctor M. Silveiro Fdez.
Académico correspondente polo Bierzo da Real Academia Galega.

mércores, 4 de maio de 2011

ÉXITO DAS DRAMATIZACIOIS DOS POEMAS DE MORALES EN VILAFRANCA





O pasado 30 de abril tivo lugar a representación da Dramatización de algún dos poemas de Fernández Morales como un dos actos que na Festa de Maio pretendía ser unha homenaxe ao poeta berciano ao cumplirse o 150 aniversario do seu libro "Ensayos poéticos en dialecto berciano". Foron representados anacos dos poemas "Villafranca y a vendima", "N´a volta da Sega", "A boda de Petriña" e algún epigrama, ademais de recitar versos soltos seleccionados de distintos poemas. o acto desenvolveuse no Teatro Vilafranquino aínda que estaba pensado en principio realizarse en distintos lugares da Rúa da Auga como parte da Ronda teatreira co que tradicionalmente a Asociación Cultural "Escola de Gaitas" inicia as celebraciois da Festa do Maio, pero a chuvia obrigou a usar o teatro decimonónico (do que parece que foi socio o propio Morales no seu tempo)para as dramatizaciois.




A dirección escénica foi obra do Grupo de Teatro Local e aínda que houbo tamén colaboraciois de diversos espontáneos e da propia Escola de gaitas, todas adaptaciois foron aplaudidas a rabiar polo público que abarrotaba o local que presentaba un aspecto florido e fermoso cheos os palcos de xestas floridas, carqueixas e cantroxos. Os espazos escollidos foron tamén un tanto inusuais pois ademais do escenario utilizáronse os palcos laterais e o patio de butacas polos que os actores foron aparecendo e actuando namentres entre cada peza as gaitas soaban para alegrar os entreactos. Houbo pezas que mesmo incluían pezas cantadas e acompañadas por gaita como foi o caso da primeira que se representou, a de "Villafranca y a vendima". Pezas que provocaron o sorriso do público que agradeceu a velada con cálidos e animosos aplausos. Fernández Morales como se comprobou nesta sesión segue logo provocando cos seus versos unha admirable empatía coas xentes do Bierzo.

O colofón da noite foi un concerto de distintos grupos (alguis promesas moi novas da Escola Municipal de Música e outros xa máis veteranos, así como un grupo invitado, Borderline 79) que tamén estaba previsto realizar ao aire libre, pero que, dada a climatoloxía adversa, tivo que tamén levarse a cabo no propio teatro.

martes, 19 de abril de 2011

FESTA DO MAIO 2011 DEDICADA A MORALES























No programa da Festa do Maio de Vilafranca do Bierzo esta no 2011 vaise celebrar na noite do 30 de abril ás 10 da noite RONDA TEATREIRA PRIMAVERAL coa DRAMATIZACIÓN DE POEMAS EN DIALECTO BERCIANO dedicada a Antonio Fernández Morales

O motivo é o cumprirse os 150 anos da publicación dos “Ensayos poéticos en dialecto berciano” nesta representación pola Rúa da Auga, unha das rúas máis singulares do Bierzo, adornada con motivos primaverais. Participarán na Dramatización os alumn@s do IES Padre Sarmiento, o grupo de teatro local e mais a colaboración espontánea doutros artistas.

Lembramos que a festa tradicional conta dende hai máis de 30 anos con actividades paralelas de arroupe da celebración tradicional que se leva acabo na mañá do 1º de maio coa saída cedo a cortar as cañaveiras para vestir en cada barrio aos seus maios para logo percorrer as rúas e rematar na praza cara as 2 da tarde. Despois terá lugar un xantar para todos os participantes no Campairo.

sábado, 16 de abril de 2011

UN CONGRESO NO 150 ANIVERSARIO DOS "ENSAYOS"

Xa está anunciado o CONGRESO ANTONIO FERNÁNDEZ MORALES para os próximos días 8 e 9 de outubro do 2011 coincidindo co 150 aniversario da publicación dos " Ensayos poéticos en dialecto berciano"(1861.
Aquí podes ver o seu anuncio en BIERZO TV