mércores, 17 de maio de 2017

CASARES E MORALES COMPARTEN ESCAPARATES

No Día das Letras Galegas  nun escaparate dunha das librarías de  Compostela. 

NO DÍA DAS LETRAS GALEGAS DENDE O BIERZO          

Cando o Bierzo se prepara para celebrar en próximas datas por todo o alto e como se merece no seu bicentenario, a Antonio Fernández Morales, o seu cantor en galego, lembramos que foi o candidato que reclamamos á Academia Galega para homenaxear no Día das Letras Galegas do 2017. Mais hoxe 17 de maio, e como temos feito outros anos por esta data, quixéramos poñer en relación coa nosa comarca a Carlos Casares, á figura finalmente escollida e honrada neste día. 

Hai tres momentos na vida de Carlos Casares nas que o Bierzo vai estar presente dun xeito singular. O primeiro lévanos ao Ourense da posguerra onde naceu. Carlos xa é todo un mozo e, tras dunha infancia na Limia, comezaba os seus estudos nun instituto da cidade e daba os seus primeiros pasos no que ía ser unha das súas facetas máis destacadas como autor, a de contador de historias. Os seus biógrafos sinalan na descuberta do creador de contos a presenza dun home que hoxe descansa no cemiterio de Vilafranca do Bierzo, Francisco Ogando Vázquez,  un home con dúas paixóns a da docencia e a das letras galegas, ámbalas dúas querencias sóuboas contaxiar a aquel rapaz. Foi este docente quen o animou a presentar un conto a un concurso literario e quen o puxo en contacto co galeguismo e a intelectualidade ourensán. O propio Carlos Casares deixóunolo dito:  “O caso é que se convocou un concurso de contos e eu, que os escribía, pois mandei un par deles. Na clase de literatura, o meu profesor, que era Ogando Vázquez, dixo: “Hoxe estamos de noraboa porque lle deron un premio a un alumno do instituto” E cando me felicitou, quedei atordado. Díxome que aquel día estaba convidado a tomar café co xurado, que estaba presidido por don Vicente Risco, así que imaxínate a emoción. Deste xeito foi como o coñecín.

O segundo dos momentos que queremos subliñar é do seu labor como galeguista a carón de Ramón Piñeiro e ligado ao espertar da actividade política da Democracia recuperada tras da morte do ditador. Un Carlos Casares deputado independente nas listas do PSdeG – PSOE que exerceu como un destacado promotor  da Lei de Normalización Lingüística do 1983 da que foi redactor e na que no título V se inclúe a protección da lingua galega falada en territorios limítrofes con Galicia, como o Bierzo. Un primeiro paso para facer posible, anos máis tarde, o galego nos centros escolares da comarca. Por aqueles anos, Casares xa levaba escritas centos de columnas de opinión na prensa diaria, ingresara na Academia galega e publicara novelas de gran éxito editorial como Xoguetes para un tempo prohibido ou Os escuros soños de Clío ou inaugurar o teatro para público infantil coa obra  As laranxas máis laranxas  de todas as laranxas.

Carlos Casares foi un home traballador, entregado á  causa da literatura e da cultura galegas. Tras dos anos como Director de Galaxia acada novos éxitos como coa novela Ilustrísima, escrita no único idioma no que el escribiu e que nestes días vén de ser traducida ao inglés, aínda que xa, en vida de Casares, fora editada en castelán e francés.  Verémolo moi preocupado porque no ano que se lle dedicou o Día das Letras Galegas ao Padre Sarmiento, o Bierzo estivese presente nos actos. A prensa deixou instantáneas daquel interese nunha entrevista co edil de Vilafranca do Bierzo xestionando a presenza do Consello da Cultura, institución que presidía dende o 1996.  Mais a aqueles eventos lamentablemente non chegou, ao morrer repentinamente no mesmo día no que nacera o seu admirado Sarmiento e do que acabara de editar pouco antes unha magnífica biografía. Era un 9 de marzo á mañanciña do 2002. O día anterior á súa morte entregara na editorial a versión definitiva da súa obra póstuma O sol de verán.

Un dato máis de última hora como epílogo. Nas librarías de toda Galicia este 17 de maio do 2017, os títulos de Carlos Casares, o homenaxeado, comparten o escaparate cos Ensayos poéticos en dialecto berciano do noso candidato Antonio Fernández Morales, unha  nova edición de Positivas, unha editorial galego berciana dirixida por Paco Macías. Unha feliz coincidencia  no  Día  das Letras.

Héctor M. Silveiro Fernández,

mércores, 10 de maio de 2017

Ao pé da tumba de Morales un raio queima os cipreses centenarios do cemiterio de Cacabelos

A bandeira do Bierzo sobre a tumba de Morales nunha homenaxe no 2011.



Onte martes ás 20h, un raio prendeu un lume devastador que queimou unha boa parte dos cipreses centenarios (calcúlase que algúns tiñan xa uns 150 anos) que no cemiterio da Edrada de Cacabelos estaban situados no seu camiño central e ao pé da tumba de Antonio Fernández Morales.

Antonio Fernández Morales foi soterrado neste cemiterio un 16 de agosto de 1896, sendo unha das tumbas máis vellas do mesmo. Cremos que pola súa ubicación non sufriu directamente os terribles efectos deste incendio que destruíu case por completo este conxunto de cipreses en plena tormenta. Estamos pois á espera de coñecer máis datos e valorar os danos causados ao conxunto patrimonial.
 
O lugar sinalado onde está a tumba de Morales.

mércores, 3 de maio de 2017

DAS COUSILIÑAS DE MORALES E OUTROS CONTOS DE PRIMAVERA


-Antiyer o monte fun
y atopein en rebullón
seis paxaros nun beirón;
dun cantazo mateín un:
a que naide do fiandón
atina cuantos quedaron
no beirón?...

Comezamos cos textos das cousiliñas de Morales na pasada tarde do 29 de abril nunha homenaxe infantil, franca e sinxela dos ninos/as da vila onde o autor comezou a escribir os seus Ensaios poéticos en dialecto berciano, como preludio á tradicional Festa do Maio.

Despois dun repaso dos meses e o refraneiro, abordamos as estaciois e distintas cousiliñas sobre fenómenos da natureza como a neve, o vento, asociados ao inverno ou a calor e o canto dos paxaros propio da primavera. Detivémos entón o noso xogo coas palabras para contar algún que outro conto...

A este lugar é unha villa
franca, garrida, sencilla,
 cos honores de ciudá,
 que de dous ríos na orilla
e nun val clavada está...
Sempre  na súa veiga,
cuando empeza a alumar a aurora,
 os paxariños gorxeando
despertan do sono blando ,
 a labieiriña pastora.
Nesta veiga, chea de olores
da escornacabra, artemisa
y outras mil diversas flores
dos mais brillantes colores,
acinga as plantas a brisa.

Xa chegara a primavera, os seus montes e camiños estaban cheos de flores de tantas formas e cores, amarelas, brancas, moradas e vermellas e nas árbores que contentas coas súas follas novas e verdes os paxaros recibían a estación da calor con cantos longos e alegres.

 Aquestes gigantes montes
Q´a cresta esconden no Cielo,
 Amenguan os horizontes,
 E manan dels mil fontes
Q´as presas forman do suelo.

Están cuallaos de castaños,
De rebolos y escambrois,
 E tein carreiros tamaños,
 Q´os do país y os estraños
 Pasan neles apretois.
Mudan nos zarzais y escobos
 Ailí as culebras rastreiras
 A camisa, e nas ladeiras
Dos caborcos tein os lobos
 Y as zorras as madrigueiras.

Brincan cervos e corciños
Por seus barrancos fragosos;
Polas matas cos fociños
 Se abren paso os xabariños
 E non faltan alguis osos.

 Pero tornemos á nosa villa
franca, garrida, sencilla,
c' os honores de Ciudá,
que de dóus rios n a orilla
 Pois os ninos neste día ían celebrar
 a festa do mes de maio, que marabilla.

-Mira, mira eiquí hai unha planta como murcha e semella ter os ollos tristes- dixo María-  que che parece se lle pregunto por que non está  contenta como as restantes plantas?

- Veña- respondeulle  Xanciño- pregúntalle que eu tamén quero sábelo.
-          Mire, señora planta, non nos podería dicir por que está tan triste.
E a planta, que era un maio, contestoulles:
-          Estou así tan triste e preocupado porque un amigo meu,unha cañabeira como min, e mais eu eiquí mesmo, antes do inverno, deitámonos a durmir, pero xa veu a calor, a primavera xa chegou e parece que non esperta, nin sequera cando pasou un burro fai un chisquiño facendo tremer todo o chan do camiño.
-          Non te prreocupes, amigo maio- Díxolle Xanciño_ que para iso estamos nós eiquí. María e mais eu, imos cantar unha canción que nos ensinou o meu avoíño para ver se a escuita o teu amigo dormiñón e así érguese da cama da terra.
Os dous rapaces cantaron con muita forza, case berrando:
Levántate maio, bastante dormiche, pasou un burro e non o sentiche!!
Pero non o maio dormiñón non se ergue
 Haberá que axudarlles a Xanciño e a María
Levántate maio, bastante dormiche, pasou un burro e non o sentiche!!
 Nada , nada non berrades nada e  esta cañabeira durmilona non esperta. A ver outra vez , máis forte:
Levántate maio, bastante dormiche, pasou un burro e non o sentiche!!

 Xusto nese momento comezouse a remover a terra e asomar un maíño pequerrechiño, pequerrechiño que foi abrindo as súas follas verdes brillantes e fermosas. Espreguizándose ben e disposto a ir botando as súas flores...

Este lugar é unha villa
franca, garrida, sencilla,
 cos honores de ciudá,
 que de dous ríos na orilla
e nun val clavada está.

Dos tesos q´a tein cercada

parece q´as crestas bican
 De noite a lua prateada,
Ou que´a ela se apelican
Ou que´está nelas sentada.


Saira a lúa e Xanciño e María íanse ir moi, moi contentos aquel día para a cama, e colorín, colorado.... Eh! Parade quietiños- dixo entón o avoíño.  - Antes de se deitar  vouvos preguntar: Non esquecestes algo, meus netiños, hai  que comer castañas o 1º de maio para que non che dea o desmaio!
Sacou  entón do bolso un puñado de castañas maias e déullelas para que as comesen e durmisen felices.


 Xa sabedes amiguiños e amiguiñas
Eiquí se acaban os contos e as cousiliñas
Aí van estas castañas ás arrebatiñas!!!