domingo, 25 de xuño de 2017

CARNICER E O RESCATE DE ANTONIO FERNÁNDEZ MORALES


Ramón Carnicer, un vilafranquino e berciano, foi un dos primeiros en redescubrir a figura Antonio Fernández Morales, autor do que no 2017 se cumpre o seu bicentenario. Fíxoo indirectamente ao traballar sobre a figura de Mariano Cubí y Soler na súa obra  Entre la ciencia y la magia. Mariano Cubí. publicado en 1969.

Tras un longo silencio, como o que acompañou ata hai ben pouco tempo ao cantor do Bierzo en galego, sería de novo un berciano nesta ocasión de Cacabelos, J. A. Balboa de Paz quen incorpora a Antonio Fernández Morales ao elenco de escritores decimonónicos no seu interesante traballo "Liberales y progresistas en la literatura berciana del XIX" (1996).

 A partir dese momento bercianos e galegos serían quen de reivindicar ao autor e a ubicación digna entre os autores da literatura contemporánea do Rexurdimento galego antes de Rosalía de Castro e pouco despois do precursor X.M. Pintos, seguindo a estela do erudito galego e berciano Martín Sarmiento e o seu "Coloquio das 1200 coplas galegas" .


No seu libro sobre Cubí, Carnicer introduciu un capítulo máis literario que veraz no que describe o encontro entre o frenólogo amigo dos dialectos e o propio Antonio no Hotel Comercio en 1847. Foi a súa singular, inaugural e brillante homenaxe ao autor dos Ensayos Poéticos en dialecto berciano e o primeiro precedente dos estudos, eventos e celebraciois que se veñen realizando nos últimos anos. Feliz intuición a de Ramón Carnicer neste rescate e consecuencia lóxica do seu compromiso sempre atento a enriquecer coas súas semblanzas o legado das distintas personalidades da cultura berciana ao longo dos tempos.

No capítulo número 12 do libro de Carnicer, como confesa o mesmo autor ( cremos que con máis retranca que rigor) foi produto da consulta dunha única fonte bibliográficaQUINDóS, Fermín: Memorias (manuscrito inédito en poder del autor).  Carnicer faise eco tamén das palabras do propio Cubí na introdución ao libro que “enfáticamente, hace constar que acaso el berciano habría nacido, vivido y muerto como individualidad idiomológica sin tener ningún monumento escrito, a no haber él incitado Fernández Morales a escribir sus ensayos poéticos”.

Morales no Prólogo da súa obra editada en 1861 e escrito en castelán deixou dito ao respecto: 
“ Tampoco hubiera llevado a cabo la composición de los que ahora me hacen quebrantar aquel propósito, si para ello no hubiera sido vivamente estimulado por mi excelente amigo, el eminente frenólogo y filólogo D. Mariano Cubí y Soler, cuando en años ya remotos tuve la inapreciable satisfación de conocerle. Las reiteradas, honoríficas deferencias de marcada estimación y cordial afecto con que me ha distinguido siempre y mi tan vivo como justo deseo de complacerle, sirvanme ahora de escusa siquiera para abordar unha empresa que, si bien quizá sencilla y facilmente accesible a las ricas dotes y admirables facultades intelectuales de cualquiera de nuestros distinguidos poetas contemporáneos, ha dado en mis manos el pálido resultado ya previsto, corroborando en el terreno de la práctica mis previas desconfianzas y fundados temores.” 


domingo, 18 de xuño de 2017

Un 17 de xuño en Cacabelos con Fernández Morales


O día de onte, 17 de xuño de 2017, foi un día completo na reivindicación do noso autor, no proceso de difusión, recoñecemento e asentamento entre propios e estraños. Ademais se auguran novas achegas a Antonio Fernández Morales como consecuencia da celebración do seu Bicentenario.





Cacabelos foi o lugar, ao pé da casa propiedade, no seu día, do escritor. A presentación dun libro moi especial no que ademais dalgúns dos seus poemas,  versos inspirados nos seus poemas e outras creaciois comparten espazo a iniciativa do Grupo As Médulas para a lingua e a cultura galegas do
Bierzo baixo a coordinación dilixente de Manuel González Prieto. Un fermoso agasallo para este bicentenario que veu acompañado dun labor de recompilación previo que vai  dende ilustradores como Siro López a fotógrafos como Xurxo Lobato, pasando por poetas, pintores ou  músicos configurando unha fermosa exposición feraz, rica tan acorde coa valente contribución de Antonio Fernández Morales do ano 1861.
A seguir colocamos o seu índice:



Este espírito de tributo colectivo foi tamén o que se respirou no evento que comezaba pasadas as 11,30 na praza onde se atopa, como xa se dixo, a casa onde morreu Antonio Fernández Morales un 15 de agosto de 1890.  Manuel González Prieto, como coordinador do acto foi dano paso a recitados de ninos e mozos, de homes e mulleres que representan a sociedade berciana receptora do canto máis singular a esta terra. Logo as palabras de Ferrín, un dos máis firmes defensores no mundo da cultura galega da incorporación plena de Morales á Literatura galega contemporánea, como figura senlleira do seu Rexurdimento no século XIX, como pioneiro precursor deste movemento que comparte con autores como X. M. Pintos ou a propia Rosalía de Castro. Ferrín destacou na figura os seus aspectos máis singulares ao configurar nos Ensaios en dialecto berciano unha obra complexa en canto as temáticas que van dende poemas de corte ascético ata realismo, pasando polos tópicos do romantismo, unha obra digna de ter en conta, pero que, lembrou, estivo e está aínda marxinada pola crítica, tamén a galega, algo que comeza a cambiar nestes últimos anos nos que xa hai estudos como o de Xosé Ramón Pena que incorporan de feito a figura de Morales.


Tamén  falou Valentín  García, Secreatario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, organismo que subvencionou a edición do libriño cuxa presentación nos reunía. Destacou a importancia deste tipo de obras para a reivindicación da lingua en ámbitos como o da educación, de como o Programade Promoción do Galego sumaría un centro máis na nosa comarca no curso que vén e  reiterou o apoio a iniciativas que, como a presente, contribúan a darlle unha longa vida ao galego no Bierzo.



A música tamén estivo presente.  2 na Fronteira ( a magnífica voz de Carme Penim e de Maurizio Polsinelli, aos  teclados)  interpretaron  tres temas moi evocadores con letra tirada dos poemas dos Ensaios, un, o da Vilafranca e a vendima,  ao comezo  e outros dous, o dos versos dedicados a Cacabelos e o da Volta da Sega, ao final para pechar esta primeira parte.


A segunda parte desenvolveuse nun dos salois do restaurante  La Moncloa. Eilí estaban todos os orixinais dos traballos de creación incluídos  no libro, e tamén ailí houbo unhas breves palabras do coordinador do acto, Manuel Gonzalez acerca do libro e para logo lembrar alguis aspectos sobre Morales. Henrique Costas, profesor da Universidade de Vigo e académico correspondente falou,e netre outras cousas da descuberta do rostro de Morales no ano 2011. Héctor Silveiro en calidade de académico correspondente anunciou a intención da Academia Galega de coorganizar o Simposio sobre Morales xunto coas entidades bercianas coa idea de incorporar novos datos tanto á biografía como aos estudos sobre a dimensión literaria e lingüística da obra de Morales, novidades que se van perfilando ao anunciar que se atoparon cartas autógrafas do autor do ano 47, o momento no que comezaba a escribir en galego con motivo da xestación dos seusEnsayos poéticos en dialecto berciano.   Pechou esta segunda parte da homenaxe o profesor da Universidade de Vigo e Presidente da Fundación Rosalía, que  fixo fincapé na relevancia e singularidade da obra en galego de Morales, antes de pasar a recitar con gran efusión o comezo e final do poema A caza maior.




























Ecos na prensa:
 voz de Galicia
diario de león
sermos galiza
nueva crónica
Tamén columna de opinión no Diario de León

Unha crónica en Prolingua.

luns, 5 de xuño de 2017

O GRUPO AS MÉDULAS HOMENAXEA A MORALES


Ver programa no blog do Grupo Médulas
ou referencias ao evento no Galicia Confidencial, en  Praza Pública ou en Tierra Bierzo


POEMAS RECITADOS DE MORALES NA REDE

O ENTROIDO


VILLAFRANCA I A VENDIMA


OS MAGOSTOS


A PONFERRADA


AS ROGATIVAS A SAN CRISPÍN